viernes, 23 de abril de 2021

ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

“A música é a miña paixón”


David Vázquez, músico e compositor.

 

Iván Arias Vázquez (1º ESO D)

 

A que idade mostraches interese pola música?

Polo que conta a miña familia, dende moi pequeno, con dous ou tres anos. Cando tiña cinco e vin a película Jurassic Park no cine, non só namorei dos dinosauros, senón tamén da música do filme. Logo comecei a escoitar álbums que tiñan miña nai e miña tía na casa e fascinábanme.

 

Cal é o tipo de música que che gustaba de pequeno?

Escoitaba, sobre todo, rock e pop. Recordo escoitar moito e mercar álbums de Bryan

Adams, pero tamén doutros artistas como Michael Jackson ou George Michael.

 

Cal é o instrumento que máis che gusta e por que?

Se tivera que escoller un, quedaría coa guitarra, xa que é o que levo tocando máis de media vida. Gústame porque é un instrumento moi versátil, pódese tocar algo fermoso e  delicado con ela, experimentar con efectos ou expresar emocións máis viscerais cando se toca con distorsión.

 

Que tipo de música che gusta compoñer e por que?

Gústame compoñer música instrumental que alimente e axude a expresar o que acontece a nivel visual; por exemplo, música para películas ou series, normalmente dentro do xénero ambiente. Por outra banda, tamén me gusta compoñer cancións con letra; neste caso, os xéneros que adoito facer son rock electrónico, trip hop ou darkwave.

 

Por que decidiches compoñer a música en inglés e non en galego ou castelán?

Boa pregunta. Basicamente, por tres motivos. O primeiro, porque a inmensa maioría das miñas influencias son de Estados Unidos ou do Reino Unido. Segundo, porque o inglés ten unha sonoridade e textura que non atopo noutro idioma, alomenos para a miña música. E o terceiro punto, para min o máis importante, é que non ten relevancia a lingua na que se fai a música como arte que é, o único importante é a expresión en si e non o vehículo no que se fai. Ao final, a lingua é un código.

 

Cales foron os teus estudos nesta materia?

Ningún, salvo a asignatura da escola en Primaria. Máis tarde, estudei o Ciclo Superior en Son e aprendín o aspecto técnico do mesmo, que me levou a converterme en produtor.

 

Cantos discos fixeches ata agora?

Contando todas as formacións das que fun parte, saquei sete álbums ata o momento, sen contar singles ou bandas sonoras.

 

Cal foi o nome do teu primeiro disco e en que ano saíu?

O primeiro álbum que saquei foi About Mirrors, co meu grupo LED, que publicamos entre 2009 e 2011. Se falamos da miña música en solitario, sería Shelter, no 2012.

 

Cal é o teu disco favorito e por que motivo?

Como artista, resúltame moi difícil escoller un só traballo. Cada álbum simboliza unha etapa e as emocións contidas na mesma, un reflexo dese momento. Pero quizais me quedo con Shelter, o meu primeiro álbum en solitario, xa que foi o primeiro traballo que producín eu só e sentín moita liberdade e satisfacción ao facelo.

 

Cales foron as túas cancións máis importantes e por que?

Ao igual que na pregunta anterior, é moi complicado escoller, xa que cada canción expresa un tema ou unha emoción que saíron de min porque eu precisaba canalizalas. Sería moito máis sinxelo escoller cancións de outros. Pero vou elixir os meus temas ‘Belong’, ‘Everywhere but Here’ e ‘Lavender Sky’ polo que expresan na súa textura e, no caso de ‘Belong’, tamén nas letras.

 

Por que lles chamaches así?

Cada tema ten unha historia interna profunda, xa que adoito pensar moito no mesmo, no propio son, na súa relación co título e, no caso de ter letras, con elas. Emprego moitas metáforas, xa que non son explícito na miña música. Por poñer un exemplo, ‘Belong’ é un tema que trata sobre a identidade, o noso lugar no mundo, a onde pertencemos.

 

Recibiches algún premio pola música? Onde?

Si. No 2014, recibín un premio internacional tras gañar un concurso de composición da Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia. Recibino por unha banda sonora que fixen para o planetario do Hemisfèric.

 

Foi importante para ti?

Sen dúbida. Sempre quixera facer música para producións audiovisuais e, neste caso, mesturábanse dúas cousas que me apaixoan (a música e a cosmoloxía), polo que me presentei sen dubidalo. Non só foi importante a ese nivel, senón tamén para darme conta de que podía facer bandas sonoras e dedicarme a iso, xa que era a primeira banda sonora que facía.

 

Fixeches algunha colaboración con outros artistas?

Si. A colaboración máis notoria foi a que fixen con Yellow Belly, artista australiana do Reino Unido. É incrible que facendo temas xuntos a través de internet acadásemos saír na BBC Radio e que licenciaran un tema noso para unha serie de ámbito mundial.

 

Onde fixeches concertos? En que localidade?

Fixen bastantes concertos se contamos os que dei coas miñas primeiras bandas. Tocamos en múltiples locais da Coruña, Santiago, Pontevedra, no Grove, en Ourense, nun festival en Oleiros… Probablemente, o concerto máis especial que fixen foi coa miña compañeira Yellow Belly na Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae da Coruña, rodeados de peixes e quenllas.

 

Cales son os teus proxectos neste momento?

Estou a producir o meu terceiro álbum en solitario, o cal espero publicar este ano. A maiores, estou facendo música para producións audiovisuais e preparando varias colaboracións con artistas de todo o planeta.

 

Desexámosche moita sorte neste novo proxecto e que sigas acadando moitos éxitos no teu futuro profesional.



No hay comentarios:

Publicar un comentario