viernes, 30 de abril de 2021

ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

"Son unha pequena influencer porque a xente segue as miñas recomendacións"

 


Patricia García é unha xornalista e influencer. Ten unha vida moi movida xa que polo seu traballo ten que viaxar moito. Como é a súa profesión?

 

Khady Seck (1º ESO D)

 

Que che inspirou para traballar como xornalista en La Voz de Galicia?

Eu penso que foi algo co que xa nacín. Dende pequena sempre me gustou escribir. Estaba sempre escribindo contos cando estaba na casa. Cando tiña seis anos fixen un cómic e gañei o primeiro premio nun concurso que facían en Corme polo Día das Letras Galegas.

 

Que estudaches para ser xornalista?

Estudei xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Empecei facendo prácticas en La Voz de Galicia e despois traballei no ADN, que era un xornal gratuíto, e tamén en El Ideal Gallego, onde escribía de política local e información municipal. Tamén me formei como community manager e fixen un posgrao sobre social media pola Universidade de Barcelona.

 

Sobre que temas escribes no xornal?

No xornal escribo todas as semanas de moda no suplemento YES, que sae todos os sábados. Tamén escribo de locais e tendas novas da Coruña na sección “A la Última con Donkeycool” que sae dúas veces por semana na edición da Coruña de La Voz.

 

Cal é a túa entrevista favorita?

 Máis que a miña entrevista favorita, unha das reportaxes que máis alegrías me deu foi unha titulada “La farmacia que receta felicidad”, que foi sobre unha farmacia “influencer” que hai na Coruña e que despois de que eu a sacase converteuse nun tema viral en toda España e acabou saíndo en todas as televisións.

 

Cal é o sitio máis lonxe ao que chegaches para facer unha entrevista?

Lonxe camiñando… Non moito, he he. Pero si lle fixen unha entrevista a Nichole Galicia, que é unha actriz de Hollywood que traballou co director Quentin Tarantino. E outra á nai de Chiara Ferragni, a influencer italiana con más de 22 millóns de seguidores en Instagram. E ao seu antigo mozo.

 

Cal sería a túa reportaxe soñada?

Calquera na que descubra xente incrible e con moito talento.

 

E a onde che gustaría chegar como xornalista?

Facer a miña propia publicación de tendencias e viaxes.

 

Gústache máis escribir ou gustaríache traballar na tele?

Gústame máis escribir. Creo que non serviría para a televisión, hehe. Nos últimos anos empecei a colaborar tamén na radio e é algo que me gusta e que resulta moi agradecido.

 

Ademais de escribir no xornal, tamén traballas en redes sociais, como é ese traballo?

Teño as miñas propias redes e tamén me encargo de xestionar as redes sociais doutros negocios. Nas miñas, traballo sobre todo en Instagram @donkeycool e no blog www.donkeycool.es. Sempre teño que ter contido para subir.

Normalmente publico cousas de moda, de viaxes e tamén tendas e locais novos que abren na Coruña. Nas redes sociais das outras empresas que levo encárgome de facer as fotos, dos textos e tamén de subir ese contido ás diferentes redes. Ah! Tamén dou clases na escola de moda Goymar.

 

 Cal é o sitio ao que viaxaches que máis che gustou para facer fotos para Instagram?

O meu favorito foi California, en Estados Unidos. As mellores que fixen foi no deserto de Joshua Tree.

 

Cantos seguidores tes nas redes sociais?

Teño uns 18.500 seguidores en Instagram, que é a miña principal plataforma.

 

Considéraste influencer?

Boa pregunta! Pois non sabería que dicir. Si, penso que son unha pequena influencer porque ao final a xente segue as miñas recomendacións.

 

Traballas con marcas?

Si, unha das cousas boas que me deron as redes sociais foi a posibilidade de traballar con marcas como Sezane, Bershka, Renault, Estrella Galicia, Stradivarius, Únicla ou outras empresas importantes como o centro comercial Marineda City.

 

Fas ti as túas propias fotos ou tes alguén que chas faga?

As fotos facémolas entre o meu mozo e mais eu, normalmente sempre co móbil.

 

Coñeceches algún famoso nas viaxes ou co teu traballo en redes sociais?

Coñecín a outros influencers como, por exemplo, a youtuber Rebeca Stones ou outra influencer de Barcelona que me gusta moito e que se chama Blanca Miró.

 

Cal sería a túa foto ideal?

A miña foto ideal sería… coa miña afillada Khady! Ou calquera na que haxa unha mesa bonita chea de candeas, pezas de cerámica e froita de cores.

 

Estás contenta co teu traballo?

Moi contenta, aínda que ás veces é un pouco duro porque nunca teño un momento libre.

 

Se tiveses que elixir entre ser xornalista ou influencer, cal elixirías?

Creo que xornalista, aínda que as dúas cousas van da man. Grazas ao meu traballo en Instagram abríronseme moitas portas como xornalista, así que tamén estou moi agradecida ás redes sociais.

 

Grazas pola entrevista. Espero que che vaia moi ben no teu traballo e que poidas ser recoñecida.


No hay comentarios:

Publicar un comentario