Hoxe traémosvos as recomendacións lectoras do noso compañeiro Óscar Nogueiras, profesor de Tecnoloxía en Bacharelato e de Informática en Ciclo Medio e FPB2. Óscar, un apaixonado da ciencia ficción, deixou para todos nós unha boa selección de títulos deste e doutros xéneros. Aquí vos deixamos con el:
1.O libro da túa infancia…
Sen dúbida, as lecturas da miña
infancia estiveron marcadas polas aventuras de “Los Hollister”:
investigación, misterio e diversión en familia. Cada semana esperaba con ansia a
chegada do bibliobús e devoraba os libros de tres en tres ata rematar a
colección completa de 33 libros.
Tamén as coleccións de cómics de
Astérix, Lucky Luke e Tintín ocuparon moitas horas da miña infancia.
2.Cales son os xéneros que máis che fan desfrutar?
O meu xénero favorito é a ciencia
ficción, as aventuras espaciais ou de robots, a ser posible, con un mínimo de
base científica. Cando teño tempo para ler, soamente teño que revisar as listas
dos premios Hugo, Nébula ou Lokus, que son coma os Nobel da ciencia ficción, e
decidirme por un deles.
Entre os galardoados con estes
premios recomendo especialmente a: Isaac Asimov coas súas sagas sobre a Fundación
ou os Robots; e Orson Scott Card coa súa saga de Ender, unha ficción
espacial con protagonista adolescente onde temas coma a violencia, o racismo, a
estratexia e a política son tratadas de forma amena e que non deixan
indiferente.
3.Se puideses coñecer a un escritor ou escritora, a quen escollerías?
Moito me temo que xa non vai ser
posible porque faleceu en 1992, pero creo que Isaac Asimov sería o escritor ó
que me gustaría ter coñecido. De adolescente, engancheime á saga da “Fundación
(1953)”: aventuras espaciais mesturadas coas súas “Leis da robótica”.
Moitas ideas interesantes para a reflexión e xiros inesperados coma soamente
Asimov sabe facer.
Por sorte, aproveitou os seus
últimos días para escribir as súas memorias dende a cama dun hospital, e puiden
acercarme ó seu lado máis persoal lendo “Isaac Asimov: Memorias (1994)”.
Non teñen desperdicio, Asimov era un xenio (160 de coeficiente intelectual),
pero ó mesmo tempo era unha persoa de carácter difícil sen pelos na lingua,
insoportable en ocasións. Estas memorias son unha lectura moi interesante para
os afeccionados á ciencia ficción, pois, ó mesmo tempo, fan un repaso á
historia da ciencia ficción no século XX e á relación persoal de Asimov con
outros xenios da súa época.
4.O teu libro favorito…
O meu libro favorito é El
Juego de Ender (1985) de Orson Scott Card, que tamén está dispoñible en
galego e ten unha película homónima do ano 2013. Aventura espacial protagonizada
por un adolescente coa responsabilidade de salvar a todo o planeta da invasión
dos “insectores”. Lectura obrigada.
Imaxinades unha historia tan, tan boa que pague a pena contala de novo dende o punto de vista dunha das súas personaxes secundarias? Pois iso pasou con La sombra de Ender (1999). Nesta novela, Orson Scott Card tivo a xenial idea de darnos a oportunidade de desfrutar por segunda vez da magnífica historia de El Juego de Ender, pero contada nesta ocasión, por outro rapaz chamado Bean. Os mesmos feitos vistos con outros ollos... abraiante.
5.Se tiveses o poder de converterte nunha personaxe literaria, cal
elixirías?
Estaría ben poñerse na pel do
mago Gandalf, unha das personaxes principais das novelas de O Señor dos Aneis de J.R.R. Tolkien: para ser un ancián, levaba unha vida repleta de aventuras.
6.Unha obra para tremer de medo…
Que me desen medo non lembro
ningunha, aínda que recordo ler Frankenstein (1818) de Mary Shelley sendo ben
pequeno. Paso máis medo coas películas, penso que a música de fondo e as imaxes
son imprescindibles para levar un bo susto.
7.Un libro para escachar co riso…
Por suposto, Wilt (1976) do británico Tom Sharpe. Nunca pensei que un libro te puidese facer chorar...
da risa...moito... e varias veces. Humor inglés combinado con humor negro, acaso hai algunha combinación mellor? Xa che digo eu que non, nin o pan con
chocolate!
Se che gusta, a historia continúa
con outros catro libros.
8.Que supón para ti a lectura dun libro?
Significa descanso, ultimamente
non leo un libro completo a menos que estea de vacacións. Non me gusta ler 5 ou
6 páxinas ó día, cando empezo un libro teño que rematalo en cuestión de días.
9.Lectura en papel ou dixital?
As novelas, en lector de libros dixital
(ebook), sen dúbida, pesa menos e podes retomar a lectura dende outro
dispositivo en calquera momento. Porén, a prensa ou os cómics, mellor en
papel.
10.Para despedirnos, uns versos ou un pequeno fragmento que leras nalgún libro
e que che gustase especialmente:
Este
fragmento de El Juego de Ender pode ser un aperitivo estupendo do que podemos
encontrar nesta novela:
“[Graff] -No mentiré ahora tampoco -dijo Graff-. Mi trabajo no es ser
vuestro amigo. Mi trabajo es fabricar los mejores soldados del mundo. De toda
la historia del mundo. Necesitamos un Napoleón, Un Alejandro. Con la salvedad de
que Napoleón perdió al final, y que Alejandro brilló fugazmente y murió joven.
Necesitamos un Julio César, con la salvedad de que se hizo dictador y murió por
eso. Mi trabajo consiste en fabricar esa criatura, y todos los hombres y
mujeres que necesitará para ayudarle. Nada de ello implica que tenga que ser
amigo de los niños.
[Ender] -Ha hecho que me odien.
[Graff] -¿Ah, sí? ¿Qué vas a hacer entonces? ¿Esconderte en un rincón?
¿Ponerte a besar sus traseros para que te vuelvan a querer? Sólo hay una cosa
que hará que dejen de odiarte. Y esa cosa es ser tan bueno en todo lo que hagas
que no puedan ignorarte. Les he dicho que eres el mejor. ¡Mejor que lo seas!”
No hay comentarios:
Publicar un comentario