A vida dun neno da posguerra
Manuel Amiama é un neno do rural galego que naceu na posguerra e hoxe é un xubilado de Facenda.
Raquel Iglesias Amiama (1º ESO
A)
En que ano naceu?
Eu nacín no ano 1940.
Como era o seu colexio?
O meu colexio era un colexio rural e era único para os
nenos. Iamos desde os 8 ata os 14 anos, que era o período da ensinanza
obrigatoria naquela época.
Cantas aulas había no seu colexio?
No meu colexio soamente había unha aula onde estabamos
todos os alumnos desde 8 a 14 anos, e o mestre era un para todo o alumnado.
Como eran os libros que tiña?
Os libros, cando empezabamos a ler había un libro que lle
chamaban o Silabario. Era para aprender o alfabeto. Tiñamos as libretas
para escribir e unhas pizarras para facer as contas.
Cando rematou o colexio que fixo? Seguiu estudando?
Despois de pasar a ensinanza obrigatoria no colexio ós 15
anos, fun estudar a unha academia de Monforte de Lemos. Alí estudei Perito
Mercantil por libre e examinábame na cidade da Coruña.
Os seus irmáns estudaron coma vostede?
Non, os meus irmáns soamente estudaron ata os 14 anos na
escola rural.
Con cantos anos o chamaron para facer a mili?
Naquela época alistábannos para facer a mili ós 20 anos e
un ano despois chamábante para facer a mili.
A mili era obrigatoria ou voluntaria?
A mili era obrigatoria. Pero antes de chamarte, podías
solicitar para facelo voluntariamente e se o solicitabas, tiñas que facer dous
anos.
Que pasaba se non facías a mili?
Estabas obrigado a facer a mili. Tamén había persoas que
non estaban obrigadas por múltiples causas. Entón, se non
estabas exento de facela e non te presentabas no cuartel, declarábante desertor
ou prófugo. Podías ir ó cárcere.
Canto tempo estivo facendo a mili?
Estiven facendo a mili dous anos porque fun voluntario.
Onde fixo a mili?
Eu fixen a mili na provincia de Madrid, no rexemento de
artillaría antiaérea. O cuartel ubicado na cidade de Xetafe, ó lado da base
aérea que o cuartel tiña que defender cos seus canóns de artillaría.
Como era a vida nun cuartel?
A vida nun cuartel era moi ríxida. Había unhas normas que
eran de obrigado cumprimento. Se non cumprías todas as ordes que che daban os
superiores, podías ser castigado. Os arrestos podían ser cortarche o pelo, prohibirche
saír durante unha semana, etc.
A vida nun cuartel desenvolvíase da seguinte maneira. Había
un período de tres meses, que eran uns períodos de formación de todos os
soldados que se incorporaban a facer a mili. Nese período de instrución eramos recrutas
ata que non xurabas bandeira. Eramos recrutas, non soldados. Entón, na
instrución dábanche as clases para formar e para entender os toques de corneta.
No cuartel iniciábase todos os días o labor da seguinte
maneira. Había o toque de diana, que consistía en que tocaba para que todos os
soldados nos levantaramos rapidamente, vestirnos e saír xa da habitación ó patio
para formar e pasar lista. Unha vez que se pasaba lista, o sarxento de semana
ou o cabo de semana, que era o encargado de pasar lista, para ver se faltaba
algún soldado. A continuación tomábase o almorzo e, unha vez que almorzabas,
pasabas a facer todos os labores propios de instrución, como dixen antes, e de
formación.
Pasado o período de instrución pasabas a facer a xura de
bandeira, que ocorría despois de levar tres meses no cuartel. Xurabas bandeira
e despois xa eras un soldado.
Tiña tempo libre?
Si, estando no servizo militar había tempo libre que che
daban para poder saír á tarde tres ou catro horas os sábados sempre e cando non
tiveras un servizo sinalado para esa tarde. E saías e facías a vida normal como
se non foras un soldado. Pero tiñas un problema. Tiñas que ir vestido de
militar. Entón, tiñas que gardar certas normas que che viñan impostas polo
código do servizo militar.
Que facía no seu tempo libre?
Saía como calquera persoa. Ir ó cine, a algún festexo ou
ver algunha cidade.
Ó rematar a mili volveu á súa aldea a traballar ou que
fixo?
Non, non volvín á miña aldea a traballar. Cando terminei
a mili, presenteime a unhas oposicións para funcionario de Facenda. E como non
as aprobei á primeira vez, dediqueime en Madrid a buscar traballo. Estiven traballando
nunha empresa durante cinco ou seis anos e cando estaba traballando seguín
preparando a oposición para ingresar no Estado. Aprobei a oposición e fun
funcionario do Estado ata que me xubilei.
Así foi como Manuel Amiama pasou a súa xuventude e
conseguiu ser un funcionario de carreira.
👏👏👏👏👏genial !!!!
ResponderEliminar