lunes, 3 de mayo de 2021

ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

“Cando quedei en paro pensei: isto a min non me volve pasar”

 


Non todo o mundo ten o mesmo traballo ó longo da súa vida. Neste caso, Antonio Galán tivo varios traballos debido a diferentes circunstancias que lle ocorreron ata o día de hoxe, pasando desde a construción ou o deporte ata a docencia. Así que seguro que ten moitas cousas interesantes que nos contar.

 


Paula Galán García (1º ESO E)


Cantos traballos tivo?

Pois que eu recorde como catro traballos.

 

Cales?

O primeiro traballo foi como bolseiro da aula de Informática mentres estudaba na Universidade. Despois traballei durante dezaseis anos como arquitecto técnico. Tamén traballei como profesor de tenis. E, por último, como profesor de Ensinanza Secundaria.

 

Porque elixiu cada traballo?

O primeiro foi un pouco por necesidade, xa que me ofreceron ese posto mentres estudaba na Universidade e nese momento pareceume interesante porque me viñan ben eses cartos.

O segundo foi unha consecuencia lóxica dos estudos que fixen como arquitecto técnico e foi ó que me dediquei case toda a miña vida.

E a partir de aí, e debido á crise, perdín o meu traballo. E cando quedei en paro pensei: isto a min non me volve pasar. E agora que podo facer? E pensei que eu só podía ensinar aquilo que me gustaba ou dominaba. Entón, como me gustan moito os deportes, decidín sacar o título de adestrador nacional de tenis e montei a miña propia escola de tenis nas instalacións dunha localidade preto da Coruña.

Nese momento, aproveitei tamén para prepararme para o seguinte obxectivo e, como non quería depender do sector inmobiliario e da construción, decidín cursar o Máster de Profesorado e opositar a profesor de Secundaria, o cal aprobei hai dous anos. Así que actualmente traballo como profesor de Tecnoloxía nun instituto da Coruña.

 

Con que traballo aprendeu máis?

Seguramente que o traballo co que máis aprendín foi o de arquitecto técnico de xefe de obra, xa que aplicas todos os coñecementos que estudaches durante a túa etapa universitaria.

 

Cal foi o máis interesante?

Pois o máis interesante foi o de profesor de tenis xa que, como che digo, eu viña doutro mundo completamente distinto e, de repente, poñerte a traballar cousas de didáctica, metodoloxía e psicoloxía infantil e orientado ó tema do deporte, que me gusta moito, provocou que, ó ser un tema completamente novo para min, me resultara moi interesante.

 

Cre que o seu traballo actual é o que realmente lle gusta?

Sen dúbida, si. O traballo que teño actualmente si que podo dicir que é o que realmente me gusta, porque non ten nada que ver co meu anterior traballo na empresa privada onde as presións son distintas. O ambiente no que traballo agora é moito máis levadeiro e traballar con rapaces e rapazas é moi gratificante.

 

Daquela, dos traballos que tivo, o que máis lle gustou foi o de profesor?

Si, porque é un ambiente moito máis agradable, non ten nada que ver coa empresa privada da construción. Ver que es capaz de transmitir os coñecementos que ti tes ó alumnado é unha experiencia moi bonita.

 

Que aprendeu de cada traballo?

Co de arquitecto técnico, á parte de aplicar os conceptos que adquirín na Universidade, aprendín a desenvolverme un pouco no mundo laboral como calquera persoa en calquera traballo. O que supón ter uns xefes, uns horarios, uns obxectivos que cumprir, coas presións que todo isto supón. Daquela aprendín a desenvolverme neste tipo de escenario.

Cos outros dous traballos, tanto de profesor de tenis como de profesor de Secundaria, aprendes a empatizar co alumnado e poñerte no seu lugar, porque tamén tiveches a súa idade coas mesas preocupacións e inquietudes. Entón, aprendes a intentar enfocar todo aquilo que lles queres dicir, o que lles queres ensinar e os consellos que lles queres transmitir de xeito máis próximo.

 

Cando era cativo a que se quería dedicar?

Pois non me quería dedicar a nada concretamente. Non o pensaba. Pero si que é verdade que, segundo vas avanzando durante a Secundaria e no Bacharelato, vas deixando as materias que non che gustan tanto e vas collendo as que si que che gustan máis. Pois como che dixen, a Arquitectura ten moita base de Matemáticas e de Debuxo, decidín optar por este camiño que me levou a ser arquitecto técnico.

 

Pois si que é interesante coñecer a variedade de traballos que pode ter unha persoa e cales son os motivos que a poden levar a escoller un ou outro. Ademais neste caso, Antonio Galán foi afortunado por encontrar traballos relacionados coas cousas que lle gustaban.



No hay comentarios:

Publicar un comentario