jueves, 13 de mayo de 2021

ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

“Era tan pequeno que non lembro cando me empezou a gustar a música

 


Ignacio Botana,
un músico coruñés que nos fala dos seus comezos musicais e un pouco da súa vida.

 

Paula Botana Bonet (1º ESO C)

 

Podería contar como foi a súa nenez?

Empecei na escola moi cedo coma todos os nenos e enseguida me acheguei á música, que era o que máis me gustaba facer.

 

Despois da súa nenez considerou entrar profesionalmente no mundo da música?

Na miña nenez aínda non tiña coñecemento do que ía ser a música na miña vida. Fun estudar ó conservatorio de música con seis anos. Aumentáronme a idade para poder entrar. Entón, a música marcou todo. E si, cheguei a vivir dela un tempo, aínda que non sempre.

 

Como coñeceu a súa muller e considerou ter fillos?

Nunca o pensara, pero despois de coñecer a Toñi nuns campamentos que se facían no barrio, nunha das camiñadas de sendeirismo que faciamos polo monte de Celas, démonos as mans e xa non as soltamos. Dese grande amor naceron dúas marabillosas fillas, Iria e Cecilia.

 

E como se involucraron as súas fillas no mundo musical?

Iria, a miña filla maior, estudou algo, pero deixouno porque se lle fixo moito entre colexio e conservatorio. Unha pena pois xa andaba en quinto de clarinete e dáballe moi ben. A pequena, Cecilia, pásalle coma a min bailando.Teño dous pés  esquerdos. (Ri).Tíñao complicado para a música.

 

 Pode contarnos un pouco como foron os traballos que fixo?

(Suspira). Tiven moitos traballos. Ata traballei durante as vacacións de botóns nalgún hotel da Coruña. Aínda que pouco tempo. Despois descubrín que durante as vacacións podía tocar con orquestras por moitas vilas galegas e asturianas.

Participei tamén en festivais de música con distinta sorte.

Ah!! Esquecía que tamén traballei con sete anos cantando e tocando a guitarra nun circo. (Risas de novo).

Despois traballei en varias formacions como Ca Lúa. Faciamos folk, tendo moitos concertos por toda Galicia.

Tamén formei parte de La Canalla con dous compoñentes dos míticos Diplomáticos.

Outra banda coa que colaborei foi La Banda del Camión, os do himno o Dépor, que durante a xira do 1906, centenario do Deportivo, gravamos o tema “Dépor 100”. Fixemos moitos concertos que finalizaron en María Pita cun macroconcerto.

Tiven tamén a sorte de facer colaboracións con primeiras filas da canción galega como o cantautor Suso Vaamonde, co que me unía unha grande amizade, Uxía, Santiago Cribeiro, acordeonista do Grupo Berrogüeto, Guadi Galego etc.

Na actualidade dirixo o coro de Santa Lucía e durante uns anos tamén dirixín o do Carmen dos Castros, e toco o órgano en moitas igrexas da cidade como Santa Lucía, San Pablo etc...

 

Por onde viaxou?

Tiven a sorte de viaxar a moitos sitios (Francia, Inglaterra) que era unha viaxe obrigada polos Beatles (ri) e porque Londres tiña unha forma de vida moi distinta á nosa.

Cheguei ata o Congo, onde puiden compoñer algúns temas que chegamos cantar con Ca Lúa, con ritmos africanos mesturados cos galegos.

E por España practicamente toda.

 

Viaxaba ou acompañado?

Desde que estou con Toñi é raro que viaxe pero de rapaz case sempre ía só. De feito na miña primeira viaxe a Londres tiña trece anos.

 

A que anos se deu conta que quería tocar?

Era tan pequeno que non me lembro cando empezou a gustarme a música.

Tiven a sorte de ter un irmán, Vitin, tamén músico, que foi quen de ver que tiña cualidades para a música. Pois contábame, porque eu non o recordo, que cunha guitarra de plástico e con só un dedo tocaba as melodías das cancións. E para non estropear o oído, pediulle ós nosos pais que me mercaran unha guitarra para o meu tamaño que aínda conservo. Grazas ó meu irmán, que loitou e loitou para que ma mercaran, pois non era doado naqueles tempos podelo conseguir.

 

Acórdase de cal era o seu soño cando era rapaz?

Teño soñado con exercicios de guitarra que ó día seguinte era xa quen de tocar. Sempre a música.

 

Pode contar algunha anécdota daa vida que o marcase?

Non sei se me marcou pero hai unha que me ensinou. Houbo unha tempada, cando a transición, que eu tocaba a guitarra e cantaba con outro compañeiro. Foi un tempo no que descubrín a Celso Emilio Ferreiro e comecei a musicar os seus poemas. Cantamos por emisoras de radio e por festivais estes temas.

Viunos un representante de Ourense e propúxonos ir cantar unha semana por alí. E cantar cantamos pero tivemos que chamar a Toñi que viñera co coche a recollernos que non tiñamos nin para vir de volta no autobús.

Eramos moi novos pero aprendemos que hai que traballar sempre con contrato.

 

Cal cre que é a mellor etapa da súa vida?

Quizais sexa esta, porque agora é cando máis tranquilo estou. Teño unha moi boa familia e unha estabilidade que tardei moito en conseguir.

 

E cal cre que foi a peor?

Supoño que os comezos porque sempre tes présa por acadar algo que non tes e que desexas moito e tamén necesitas traballar, ter un fogar...

 

Achégase o final pero antes de terminar vou facerlle dúas preguntas máis. Cal é o tipo de música que máis lle gusta tocar?

Gustar gústame case todo: 0 folk, o rock, o funk, bossa nova, boleros, xa ves. O que non me gusta, porque penso que non é música, é o rap. Para o meu gusto, só se salvaban as letras, e cando eran reivindicativas.

 

Cal é a cousa que máis lle gusta facer?

Á parte da musica? (Ri). Pois estar coa miña familia, facer viaxes con eles, xogar e divertime con eles.

 

E o que menos?

O que menos é traballar. (Ri). Non sei, pode ser iso. A verdade, xa estou canso pois xa son moitos anos traballando e teño moitas ganas de coller a xubilación e desfrutar todo o día dos meus... e da música.



No hay comentarios:

Publicar un comentario