martes, 11 de mayo de 2021

ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

“Danza é paixón, emoción, sentimento; comunicar co corpo e coa mente o que non podes expresar coas palabras’’

 


Comezando o seu interese pola danza ós oito anos, Marta Crecente é unha exbailarina profesional no mundo da danza clásica e contemporánea. Nacida na Coruña, mudouse a Zaragoza con dezanove anos co obxectivo de cumprir o seu maior soño: bailar. Dende alí ata a actualidade, Marta bailou en numerosos escenarios por toda España, en diferentes festivais europeos e tamén en Cuba e Costa Rica.

 

CARMEN PÉREZ RODRÍGUEZ (1º ESO B)

 

En que traballa?

Eu son técnico de proxectos artísticos no Centro de Danza de Zaragoza, que é un centro de apoio ós profesionais das artes do movemento.

 

Por que elixiu este oficio?

Este oficio foi unha oportunidade para ter un traballo estable que xurdiu cando eu deixei de bailar. Era iso ou seguir no teatro, pero pensei que era mellor facer teatro como unha ocupación secundaria. Entón, collín este traballo.

 

Que tipo de danza bailaba?

Profesionalmente eu bailei danza clásica e contemporánea, pero tamén fixen folclore, danza de carácter e tomei clases de hip-hop, que me gustaban moito.

 

Cando comezou a bailar?

Eu comecei a bailar cando tiña oito anos. Leváronme a ballet porque tiña os pés planos e os meus pais pensaron que sería bo para corrixir o defecto.

 

Que significa para vostede a palabra “danza’’?

Para min a palabra danza é a miña vida; danza é paixón, emoción, sentimento; é comunicar co corpo e coa mente o que non podes expresar coas palabras. Tamén é xenerosidade, porque tes que compartir con moita xente o que tes, a túa verdade, coa xente coa que bailas e coa xente do público, que dalgunha maneira tamén participan contigo.

 

Tivo que facer algún sacrificio para perseguir o seu soño?

Pois a verdade é que si. O sacrificio máis grande penso que é estar lonxe da familia, para min e para os que me queren. Logo, ás veces, tes que bailar con dor, cando che doe o corpo tes que bailar igual, e tamén se pasan dificultades económicas.

 

Toma algún tipo de dieta ou rexeita algún alimento para a súa condición física?

Non. Cando bailaba... tampouco (Ri). Tomabamos moitos hidratos de carbono, tamén é verdade. Cando había espectáculo comíamos pasta, que era unha comida que se dixería moi ben, para poder traballar logo pola noite. Tamén froitos secos, cousas que che desen forza e calorías. Agora, como un pouquiño menos.

 

Canto tempo dedicou a practicar?

Pois dende os oito anos que empecei, logo terminei a carreira, e dende os vinte ós corenta traballei como bailarina profesional, en varias compañías. E fixen algunha cousa pola miña conta.

 

É un bo traballo se falamos no ámbito económico?

A ver, é un traballo que non está moi ben pagado, non estamos moi recoñecidos. Cando un bailarín en España se retira, ten que reinventarse e coller outra profesión, o que non ocorre noutros países.

 

Tivo algunha baixa ou descanso por unha lesión?

Pois... Si! Unha vez coido que estiven unha semana, porque tiña un tendón roto no dedo gordo do pé. O dedo non se movía e non podía poñer as puntas. Tamén tiven outras lesións, pero non parei. Estaba un pouco tola...

 

Baila con algún grupo?

Agora non, porque agora non estou en activo. Pero traballo nun equipo formado por exbailaríns. Somos catro e somos coma unha familia. De feito este verán imos estar nun festival facendo unha “performance’’, pero iso é por conta propia.

 

Fixo algunha viaxe para actuar que a marcase?

Si. Sintra, por exemplo, encantoume. É unha cidade pequena pero ten un encanto especial pola súa paisaxe e a súa arquitectura. Pero Cuba? Como Cuba non hai nada! Estar no festival da Habana foi moi grande. Estiven tres veces. A xente é moi boa e encántalle a música. Cando vas pola rúa a xente tenche moita admiración. En Cuba os bailaríns son como aquí os futbolistas.

 

E aínda que vive en Zaragoza dinlle que ten acento galego?

A verdade é que non. Pero saben que son galega porque uso moito os tempos verbais de forma bastante diferente de como os utilizan no resto de España. (Ri).

 

Cal é o seu referente ou bailarín preferido?

Pois para min o referente e a única persoa que dixen “eu quero facer as cousas como ela’’ chámase Ana Laguna. Ten unha técnica en danza clásica impresionante pero baila danza contemporánea. Utiliza toda a técnica que ten para poñela ós pés da interpretación. Parece que non está facendo nada, pero faino todo.

 

Sabemos que as bailarinas de danza clásica levan zapatillas de punta, acórdase de cantas gastou?

Noon, ho! Nin sequera podo facer un cálculo. Cando era moi moza, con doce anos, eu poñía cravos nas puntas para que me durasen máis. (Ri). Pero non me acordo de nada a estas alturas. Moitas puntas, mooitos pares de puntas!

 

Esta foi e é a vida dunha bailarina profesional, os seus desexos, opinións e recordos da súa traxectoria coa danza.


No hay comentarios:

Publicar un comentario