jueves, 6 de mayo de 2021

ENTREVISTAS XORNALÍSTICAS 1ºESO

 

“Considérome moi afortunado por todo o que teño”

 


Xose Antonio naceu en Abegondo no 1953. Con 12 anos trasladouse á Coruña onde estudou moitas cousas. Finalmente, foi membro dun concesionario e viviu feliz cos seus familiares.

 

Daniel Presedo Veiras (1º ESO C)

 

Cando e onde naceu?

Eu nacín na Malata, en Vizoño (Abegondo), o 20 de novembro do ano 1953.

 

 Como foi a súa infancia?

A miña infancia dentro da aldea foi moi bonita. Nós cos veciños dedicabamonos a axudar na leira, coas vacas, plantar moitas cousas, etc. Acórdome que cando era pequeno, o meu avó collía o seu bastón e arrolaba o berce. Son pequenos recordos. Xogabamos cos veciños, etc.

 

 Como foi o traslado de Vizoño ata A Coruña?

Ao principio fun a un colexio pero como era un pouco vago, os meus pais mandáronme á Coruña co meu padriño para formarme mellor e conseguir así un mellor emprego no futuro.

 

Como era no colexio?

Eu, o que che contaba antes, era moi vago á hora de estudar, pero tamén era moi traballador. De feito o castelán non o sabía falar e todos se rían de min. Pero eu tomeino como unha motivación.

 

A que se dedicou?

Na miña vida fun moitas cousas. Primeiro, estiven traballando nun almacén un ano co meu tío. Despois pasei por varios talleres de chapistas e máis tarde acabei traballando nun concesionario, no que fun xefe de vendas. 

 

É galegofalante? Séntese seguro de falar en lingua galega?

Eu si son galegofalante. E tamén me sinto seguro de falar galego aínda que da miña maneira porque, por desgraza, se me foi perdendo ao longo dos anos.

 

Cando e como coñeceu a súa muller? Con cantos anos?

Coñecina o 29 de xuño do ano 1969. Eu tiña 15 anos e ela 12 anos. Foi nunha festa na que eu me fixei nela, que iso é o que di. Aínda que eu creo que foi ela quen se fixou en min.

 

Ten algunha historia que contar?

Si, por exemplo, nós tiñamos unha chouza para as vacas e a min deixábanme só con elas. Entón, eu tíñalles medo e por iso ás veces subíame aos postes de alta tensión.

Outra historia é cando veu a luz a Vizoño. Eu quería escoitar a radio pero non ía porque aínda non estaba a luz. Entón, eu todo preocupado fun a onde estaban os postes a ver se vía a electricidade polo cable. Pero estes eran os coñecementos de antes.

 

Está orgulloso das súas decisións ao longo da vida?

Eu síntome moi orgulloso das miñas decisións ao longo da miña vida. O único que boto en falta é quizais non ter estudado máis cando debía facelo.

 

Hai algo do que se arrepinta?

Si, precisamente o que che acabo de dicir. Arrepíntome de non ter estudado tanto cando me tocou.

 

Cal sería o seu maior desexo agora mesmo?

Xa o teño, que é unha boa famila, unha boa muller, bos fillos, netos, etc. Pero o único saúde no mundo e que pase a Covid 19.

 

Cantos anos ten agora?

Hoxe en día eu teño 67 anos e aínda penso que son mozo.

 

E nestes 67 anos vostede considérase que foi feliz?

Pois a verdade é que eu me considero moi afortunado por todo o que teño. Os meus amigos, a miña muller e, sobre todo, a miña familia. Así que si. Eu considérome moi feliz.

 

Este é Xose Antonio, un home con moitas historias que logrou o que el realmente quería: unha familia unida e unha vida plena e feliz.



No hay comentarios:

Publicar un comentario