lunes, 10 de mayo de 2021

HOXE FALAMOS DE LIBROS CON... VICENTE VEIGA

Hoxe estamos aquí de novo para falar de libros cun auténtico apaixonado da lectura e, en concreto, do ensaio histórico e filosófico: o noso compañeiro Vicente Veiga, profesor de Educación Física no Fogar e verdadeiro referente dentro do deporte coruñés. Aquí vos deixamos con el:




1.O libro da túa infancia… 

Sempre me gustou ler, pero os primeiros libros que me deixaron un pouso foron xa na miña adolescencia inicial, con doce, trece ou catorce anos. Citaría especialmente nesa idade tres:

-A illa misteriosa (Julio Verne) : lino nos estudos do internado do Hogar (que duraban hora e media). A historia de como chegaban aqueles homes nun globo a unha illa e como eran capaces de sobrevivir fixo que a literatura fose para min definitivamente o modo de coñecemento.

-Juan Salvador Gaviota (Richard Bach): foi un libro que gañei en primeiro de BUP nun concurso de relatos. Era parte dun lote de libros por quedar primeiro. A historia daquela gaivota que racha co ordinario para tratar de acadar o extraordinario e a sensación de que construir a túa propia identidade é imprescindible, foi o que me enganchou definitivamente dese libro. Pasaron xa moitos anos, pero aínda lembro algunhas pasaxes do mesmo.

-Viaje a la Alcarria (Camilo J. Cela): pereceume un libro de lectura sinxela, moi doado de entender e que me trasladaba en moitas cousas á miña propia vivencia en Malpica, á miña vila. 


2.Cales son os xéneros que máis che fan desfrutar? 

A min encántame a historia e todo o que ten que ver cos movementos sociais e a filosofía como modo de comprender a realidade. O coñecemento é un instrumento para poder transformar o mundo no que vivimos. Esas son as lecturas que máis me gustan e interesan. E naturalmente todo o que ten que ver ca ciencia e as áreas de coñecemento da miña profesión.


3.Se puideses coñecer a un escritor ou escritora, a quen escollerías? 

Non teño especial interés en coñecer a personalidades. Non sinto esa necesidade de fotografarme ou ter un autógrafo de xente moi coñecida. En realidade interésanme as declaracións ou as ideas, como punto de partida do coñecemento e do debate. Así que non podo contestar a esta pregunta.


4.O teu libro favorito… 

Citaría catro:

-El Quijote (Cervantes)

-La República Española y la Guerra Civil (G. Jackson)

-Sempre en Galiza (Castelao)

-Cinco horas con Mario (M. Delibes)

 

5.Se tiveses o poder de converterte nunha personaxe literaria, cal elixirías? 

Non me sinto especialmente identificado con ningunha destas personaxes. Desde sempre tendo a velos desde unha posición externa e polo tanto un pouco crítica.


6.Unha obra para tremer de medo… 

Teño claro que a literatura (coma o cine) de medo ou terror non é a miña favorita. En realidade non me gusta nada.


7.Un libro para escachar co riso… 

Obviamente El Quijote, que é unha escola da vida. Ten pasaxes absolutamente xeniais, tanto para rir como para ver as dificultades e as miserias da vida. Pero sempre hai esperanza e posibilidades de superar os atrancos.


8.Que supón para ti a lectura dun libro?

A capacidade de avanzar en coñecemento.


9.Lectura en papel ou dixital?

Aínda que utilizo moitísimo internet para a procura de información e lecturas, se podo prefiro o papel. Paréceme una lectura máis auténtica

 

10.Para despedirnos, uns versos ou un pequeno fragmento que leras nalgún libro e que che gustase especialmente:

“ non me gusta o traballo, a ninguén lle gusta; pero gústame que no traballo teña a ocasión de descubrirme a min mesmo” (J. Conrad, El corazón de las tinieblas).

A min si que me gusta moito traballar. Non comparto a primeira parte, pero a conclusión é unha reflexión que comparto e lembro cada día.



No hay comentarios:

Publicar un comentario